A Asociación Cultural Lembranzas da Ría fórmase na parroquia de Aldán en Cangas do Morrazo a finais do ano 1984, baixo a dirección de Xosé Menduíña Bastón.
Durante os primeiros anos de traballo, realizan os seus ensaios na reitoral, pero co paso dos cursos é necesario o traslado dos seus ensaios a Cangas para así poder medrar e ofertar novas actividades. Grazas ó cambio de localización no ano 1992 constitúese a Escola Lembranzas da Ría onde se imparten clases para nenos e nenas de pandeireta e canto, gaita e baile.
Co paso do tempo, a medida que os compoñentes foron evolucionando, a súa curiosidade e inquietude pola nosa tradición aumentou de tal xeito que tomaron a decisión de comezar a investigar as raíces da nosa cultura. Neste momento emprenderon un traballo de campo percorrendo as aldeas de toda Galicia cuxo fin primordial será o de recoller, investigar e promove lo folclore da terra. A busca centrouse principalmente en territorios onde o baile e a música, xunto co traballo, formaban parte da vida diaria. Froito deste traballo de campo sae o repertorio que a Asociación lle amosa ó público durante os seus espectáculos e actuación, intentando sempre reproducir ca máxima fidelidade posible o aprendido dos seus informantes.
Dende o ano 1994 ata a actualidade, Manolo Cobas é o director artístico e responsable da sección de baile. A estructura do grupo complétase co director da área musical Roberto Sotelo e a directora de Canto e Pandeireta Margó Gayoso.
No 2006, Lembranzas da Ría reestructura a súa escola ofertando as distintas aulas ó publico que non se quere integrar na dinámica do grupo principal pero que busca aprender a bailar ou a tocar un instrumento. O crecemento foi tal que, actualmente a escola conta con máis de 100 alumnos.
Inda que o eixe principal do grupo basease na interpretación e reproducción de bailes de toda Galicia, cabe destacar o traballo etnográfico e de recuperación da Danza e Contradanza de Darbo e, da Danza do Entroido Tradicional de Damas e Galáns de Darbo. A implicación da Asociación nestes proxectos serviu para que no 1994 se lle conceda o premio Xiria á Labor cultural , no 2011 o Premio Cacarexo e no 2015 o premio Xohán de Cangas ao labor cultural.
Nas súas actuacións máis sobranceiras destacan varias participacións nas Xornadas de Folclore Galego en Santiago de Compostela, actuacións fora de Galicia como Salamanca, Burgos, Menorca, Madrid, Segovia, numerosos Festivais en Portugal e no Festival De la Danse Bretonne en Guingamp na Bretaña, así como numerosas actuacións na TV como en “Luar”, “Aquí Galicia” ou “Dende Galicia Para o Mundo”.